Novas

20-10-2022 -

XXXIV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene

O sábado 29 de outubro a partir das 19.30 horas, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene celebrará na sociedade Agarimo de Sillobre a XXXIV Xuntanza de Gaiteiros, encontro que vén organizando todos os anos desde 1988 coa colaboración do Concello de Fene. Nestas xuntanzas, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aprovéitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Nesta XXXIV Xuntanza, Airiños homenaxeará ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
20-10-2022 -

Taller de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento para rapazas entre 13 e 18 anos

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene abre o prazo para participar no taller “Defensa persoal, autoconfianza e empoderamento” que se desenvolverá durante 9 meses, de novembro de 2022 a xuño de 2023, os martes e xoves de 18:30 a 19:45 horas nas instalacións do C.M.I. Unidade de Fene. A actividade é gratuita e vai dirixida a mulleres de entre 13 e 18 anos co obxectivo de "formalas en defensa persoal e así mellorar a confianza en sí mesmas, tendendo ao seu empoderamento". Así, as participantes aprenderán a defenderse empregando técnicas de distintas disciplinas como Kicboxing ou Taekwondo.
19-10-2022 -

O Concello de Fene mellorará as comunicacións con Vilar do Colo desde Barallobre e Maniños

O Concello de Fene adxudicou recentemente en 112.410 euros as obras de mellora dos accesos ao Vilar do Colo desde o cemiterio municipal e desde a estrada dos Casais. Dúas vías secundarias moi utilizadas por persoas traballadoras e tamén por veciñanza en xeral que acode aos distintos servizos dispoñibles no polígono. De feito, o proxecto adxudicado a Canarga Construcciones S.L. prevé mellorar a seguridade nun tramo da Rúa das Áncoras e, en colaboración co Concello de Cabanas, tamén a rotonda de acceso á vía rápida VG-1.2 e á AP-9.
17-10-2022 -

O ciclo Contando Ciencia aborda o xoves 27 de outubro a investigación “na procura da fonte da xuventude”

O investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez é o protagonista da segunda sesión do ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A cita será o xoves 27 de outubro, ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde até completar o aforo. E o tema que abordará será o da “procura da fonte da xuventude”.
13-10-2022 -

A cuarta “Andaina por Fene” percorrerá a parroquia de Magalofes o sábado 22 de outubro

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Magalofes que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Magalofes para o sábado 22 de outubro, a partir das 11.00 horas (agrupamento ás 10.45 horas). A andaina comezará no local da entidade para continuar por Picas, Punxeiro, Fontenova, Muíño do Redondo e Igrexa, e volta ao punto de saída tras percorrer uns 5 quilómetros de dificultade baixa e cunha duración aproximada de 2 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 21 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 630 994 459.
13-10-2022 -

Escolas culturais de música que entran en funcionamento no curso 2022-23

A Concellería de Cultura informa que, en base á matriculación rexistrada, as Escolas Culturais de Música que entrarán en funcionamento no curso 2022-2023 son: piano-solfexo e guitarra (iniciación). O alumnado de piano-solfexo comezarán as aulas a partir do luns, 17 de outubro, no día e hora que se lle asignou ao efectuar a matriculación e que poden comprobar no cadro que figura ao pé desta nova. As aulas impartiranse na Casa da Cultura e Escola da Fonte do Campo. O alumnado de guitarra (iniciación) comeza as aulas o martes, 18 de outubro, ás 16:30 h na Casa da Cultura
11-10-2022 -

Entidades culturais, educativas e deportivas poden solicitar as axudas para as actividades organizadas en 2022

Coa publicación do extracto da convocatoria no BOP, o Concello de Fene abre este xoves o prazo de solicitude de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para o ano 2022. O obxectivo da convocatoria é “apoiar ás entidades municipais sen ánimo de lucro no desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e educativas que favorezan a participación entre a veciñanza”, amais de contribuír ao financiamento dos gastos de funcionamento das mesmas. As sociedades culturais, deportivas ou Anpas interesadas en acollerse á convocatoria, deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello, sede electrónica, até as 14:00 h do vindeiro 26 de outubro.
11-10-2022 -

A segunda temporada de Rapa tamén chega a San Valentín

A produtora Portocabo tamén elixiu localizacións en Fene para a segunda temporada da serie "Rapa", de Movistar+, protagonizada por Javier Cámara e Mónica López. Aínda que a maioría das filmacións se están desenvolvendo na cidade de Ferrol e nas instalacións do Arsenal, dúas das escenas van gravarse durante este mércores na contorna do paseo marítimo de San Valentín. Por este motivo, a partir das 20:00h de hoxe martes e ata aproximadamente as 21:00h de mañá  estará prohibido aparcar diante do CPI A Xunqueira e da pista polideportiva de San Valentín. Ademais, entre as 14:00 e as 21:00h de mañá, festivo estatal, tamén permanecerá cortado ao tráfico o tramo da avenida comprendido entre o antigo Mercadona e o parque da Xunqueira. Neste sentido, a entrada e saída do barrio deberá facerse por itinerarios alternativos que estarán debidamente sinalizados pola Policía Local.
10-10-2022 -

Ampliación de horarios e servizo especial de transporte ao cemiterio municipal no Día de Todos os Santos e Día de Defuntos

Con motivo do Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos, o Concello de Fene informa da ampliación de horarios do cemiterio municipal, así como da posta en marcha dun servizo de transporte especial.
 
Isto é, os día 1 e 2 de novembro o cemiterio permanecerá aberto ao público ao mediodia de maneira ininterrompida.
O horario nas instalacións municipais será, para o 1 de novembro, de 8 a 22 horas, e o 2 de novembro, de 10 a 20 horas.
Infórmase que o día 1 de novembro ás 17.00 h oficiarase unha misa.
Por outra banda, o servizo de transporte especial realizarase conforme ás seguintes datas e horarios:
31 de outubro, en horario de tarde
1 de novembro, e o  mércores día 2, horario de mañá e de tarde.
No horario de mañá, a saída está prevista do cuartel da Garda Civil ás 10 horas e o regreso estímase ás 12 horas. No horario de tarde, a saída, do mesmo punto, será ás 16 horas e o regreso ás 18 horas. Námbolos dous casos, o autobús realizará o percorrido e paradas habituais. 
10-10-2022 -

21 familias participan no programa "Educando en familia"

Esta semana botou a andar o programa "Educando en familia" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais de Fene. A través de encontros semanais guiados pola terapeuta Virginia Castro, as 21 familias participantes terán a oportunidade de aprender de aquí a xuño distintas técnicas relacionadas coa xestión de conflitos e a educación emocional, pero tamén recomendacións sobre pautas e límites que se deben marcar no núcleo familiar co obxectivo de establecer relacións de confianza que favorezan o correcto desenvolvemento durante a etapa infantil e a adolescencia.

Servizos Sociais dividiu a actividade en dous grupos, un os martes de 16:30 a 18:00h e outro os venres entre as 9:30 e as 11:00h., coa finalidade de que as persoas participantes puidesen conciliar a asistencia co traballo ou outras obrigas.