Novas

26-07-2022 -

Abre o prazo para que os establecementos de Fene se apunten ao vindeiro Outlet

O Concello de Fene organiza un novo Outlet, coa finalidade de que os comercios, a hostaleria e as empresas de servizos de Fene promocionen os seus produtos, e así fomentar o consumo no comercio local. Será os días 2, 3 e 4 de setembro de 2022 (venres e sábado, de 10 a 14 h e de 16:30 a 20:30 horas e o domingo, de 10 a 14 horas) nos propios establecementos. Segundo informan dende a Concellería de Promoción Económica, os establecementos interesados en participar deberán enviar un correo electrónico a desenvolvemento.local@fene.gal, indicando o nome do establecemento, o nome da persoa responsable, un número de teléfono, o enderezo electrónico e se precisa mesa e haima. A data límite para comunicar o seu interese é o xoves 28 de xullo.
23-07-2022 -

Declaración institucional, ofrenda floral e himno galego para conmemorar o Día da Patria Galega

Apelando aos sucesos do 10 de marzo de 1972 e á loita polas liberdades, a escritora Ánxela Loureiro foi a encargada de ler este mediodía a declaración institucional do Concello de Fene para conmemorar o 25 de xullo, Día da Patria Galega. No acto, que se desenvolveu a carón do Monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo, Loureiro estivo arroupada polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, membros da corporación municipal e veciños/as de Fene. O acto finalizou cunha ofrenda floral e coa interpretación do himno galego por parte dos presentes. Ademais, entregouse á autora da declaración institucional unha praca conmemorativa, realizada pola ceramista fenesa Carme Romero, e a carpeta da exposicion “Volta á orixe”, con reproduccións de debuxos de Xaquín Marín.
21-07-2022 -

Inicio das contratacións da Risga

O Concello de Fene, a través da Concellería de Emprego e Formación, puxo en marcha o mércores 20 de xullo o programa de emprego correspondente á Renda de Integración Social de Galicia. A través deste programa, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e polo Concello de Fene, procedeuse á contratación de dúas persoas -ao 75% da xornada e cunha duración de 9 meses- para a realización de traballos de limpeza viaria.
21-07-2022 -

Bando do Día da Patria Galega 2022

Perante a proximidade do 25 de xullo, Día da Patria Galega, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, vén de publicar un bando municipal no que lembra que nesta xornada "homenaxeamos aos nosos devanceiros, a quen nos precederon na loita polas liberdades democráticas e o autogoberno, nomeadamente a Daniel e a Amador e a todas aquelas persoas que hai 50 anos, no de 10 de marzo de 1972, saíron á rúa para defenderen os seus dereitos laborais e protagonizar un dos fitos máis importantes na historia do movemento obreiro galego".
19-07-2022 -

O Concello inviste máis de 51.000 euros na renovación dos parques infantís de Limodre e Sillobre

A empresa Jardinería Arce rematou hai uns días os dous proxectos de rehabilitación dos parques infantís de Limodre e do Souto, en Sillobre, como adxudicataria dun contrato no que o Concello de Fene investiu 51.694,55 euros. As áreas de xogos para a rapazada -en ambos casos situadas ao pé de bloques de vivendas- están xa abertas ao público tras varias semanas de traballo en que se substituíu o chan e se instalaron novos equipamentos lúdicos, co obxectivo principal de facelas máis accesibles, seguras e adaptadas á normativa.
18-07-2022 -

Ruxe-Ruxe e Boyanka-Kostova na recta final do ciclo Xullo, Mes de Patria

Coa lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, a cargo da escritora Ánxela Loureiro, concluirá o vindeiro sábado o programa que organiza a Concellería de Cultura para conmemorar a festividade do 25 de xullo. O acto terá lugar ás 13 horas no parque liñal do Río Cádavo, a carón do Monumento Día da Patria Galega. Previamente, tamén esta semana, haberá dous concertos na praza do alcalde Ramón José Souto González, ámbolos dous con entrada libre e de balde. O xoves 21 de xullo, ás 21.00 horas, actuará Ruxe-Ruxe co espectáculo Xira 2022 (Rede Cultural) e o venres 22, á mesma hora, será Boyanka-Kostova (Rede Cultural) quen suba ao escenario instalado a carón da Casa do Concello de Fene.
14-07-2022 -

Os clubs deportivos de Fene xa poden solicitar horas de adestramento de pretempada e tempada 2022-23 nas instalacións deportivas municipais

Xa esta aberto o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2022/2023 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns. Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2022 -2023, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora.
13-07-2022 -

En lembranza de Miguel Ángel Blanco

Ao cumprírense 25 anos do asasinato do concelleiro de Ermua  Miguel Ángel Blanco -e atendendo a unha convocatoria da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)- a corporación municipal de Fene convocou este mediodía unha concentración como mostra de solidariedade con todas as vítimas e en repulsa de calquera clase de acto terrorista.
12-07-2022 -

Avanzan a bo ritmo as obras de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín

O Concello está levando a cabo desde hai dúas semanas unha nova fase de melloras da accesibilidade no barrio de San Valentín. Tralo inicio dos traballos, o resultado xa vai sendo visible a medida que avanza o cambio das beirarrúas que circundan as torres I, II e III -os edificios máis altos do barrio-, aínda que o proxecto tamén inclúe o que non se ve, como é o cambio da rede de sumidoiros e da evacuación de pluviais. Ademais tamén se vai acondicionar a zona de aparcadoiro cunha nova capa de aglomerado. As obras, cuantificadas en 182.710 euros -IVE incluído-, fináncianse con cargo aos fondos do POS+ e son a terceira actuación dos últimos anos na zona máis populosa de Fene, onde desde 2018 se executaron proxectos similares nos bloques de vivendas II e V e III e IV.
11-07-2022 -

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras, batukada e concerto de Blues do País-Sindicato da Verbena

As corais polifónicas da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños, xunto coas rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío subirán este martes, 12 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral (o primeiro que se celebra trala pandemia). O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo do Día da Patria Galega, comezará o martes ás 20.30 horas na carpa instalada a carón do Concello.