Novas

30-07-2021 -

Música, animación e sorteos na Festa da Cor que terá lugar en Fene o sábado 7 de agosto

Ate o vindeiro domingo, 1 de agosto, esta aberto o prazo para que os establecementos de Fene que queiran participar poidan rexistrarse e tomar parte na Festa da Cor que está a organizar a Concellería de Promoción Económica e Turismo de Fene para o vindeiro sábado 7 de agosto en distintas localizacións do termo municipal. As inscricións realizaranse por teléfono e/ou whatsapp no número 654 700 685. Aínda que o programa detallado da Festa da Cor se presentará nos vindeiros días, dende o departamento organizador avanzan que, ao longo da xornada, haberá actuacións musicais, sesións de animación infantil e para adultos e sorteos de vales de compra entre os clientes dos establecementos participantes.

ACTUALIZACIÓN 4 DE AGOSTO: Debido ás condicións climatolóxicas previstas para este sábado 7 de agosto a Festa da Cor organizada pola Concellería de Promoción Económica e Tuismo de Fene aprázase para o día 21 de agosto.
 
27-07-2021 -

A Mancomunidade remata as obras no refuxio de Mougá, que aumentaron un 70% a súa capacidade

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada polos concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño vén de rematar as obras ampliación do refuxio de animais de Mougá —en funcionamento desde agosto de 2010—, que se atopa na parroquia de Esmelle. O proxecto foi adxudicado por 119.876,77 ive incluído e os traballos desenvolvidos fixéronse tendo en conta as indicacións da veterinaria responsable do centro e da veterinaria da consellería de Medio Ambiente, que previamente inspeccionou as instalacións. Os alcaldes de Ferrol; Fene, Juventino Trigo; Cabanas, Carlos Ladra; Ares, Julio Iglesias; Valdoviño, Alberto González; e o concelleiro Miguel Mahía, de Mugardos, visitaron esta mañá as novas instalacións. 
26-07-2021 -

A exposición de Viñetas do Camiño recolle unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, inaugurou a exposición que recolle as obras realizadas polos artistas que participaron na “Andaina Debuxada” que se desenvolveu os días 12 e 13 de xuño dentro do proxecto “Viñetas do Camiño”, incluído no programa O Teu Xacobeo 21. O acto tivo lugar nas inmediacións do concello fenés, preto do río Cádavo, lugar onde quedou emprazado un dos seis cubos que compoñen esta mostra ao aire libre. Xunto con el, participaron na cerimonia a xefa territorial na Coruña da Vicepresidencia Primeira da Xunta, María Barreiro Lázare, así como os concelleiros de Cultura, Justo Martínez, e a de Turismo, Ana Basoa; e Calros Silvar, en representación dos artistas.
24-07-2021 -

"Seremos grandes cando cada amencer sexa da Patria, das nais, dos pais e do pobo"

Con estas verbas comezaba hoxe a súa intervención o director da banda de gaitas Airiños de Fene, Miguel Doval, autor da "Declaración Institucional" que o Concello encarga cada ano a persoas relacionadas con Fene que se significan pola súa traxectoria social e cultural. Durante a súa intervención, o músico e compositor serviuse da linguaxe musical para pedir que "sementemos identidade, que o noso latexo sexa a ritmo de muiñeira, que as alboradas aneguen as mañás da nosa música e que cada día sexa na nosa fala, sen traducións, sen tabues".
 
23-07-2021 -

Bando do Día da Patria Galega

Perante a proximidade do 25 de xullo, Día da Patria Galega, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, vén de publican un bando municipal no que salienta que se achega "unha xornada de festa e reivindicación na que o pobo galego con identidade propia, con lingua de seu, co noso himno e bandeira reforza e se reafirma nestes símbolos que expresan a vontade colectiva dunha nación que, sen límites, procura o lugar que por dereito propio lle corresponde". Asemade, no documento anima á veciñanza de Fene a "darlle a este 25 de xullo o ambiente de festa grande", pendurando dos balcóns e fenestras de Fene as bandeiras galegas, "expresión hoxe de azos para nosa terra, un país que desexamos próspero e dono dun futuro mellor".
 
23-07-2021 -

O acto institucional do Día da Patria Galega trasládase ao Salón de Plenos do Concello

Por mor das previsións meteorolóxica que anuncian choiva na mañá deste sábado, 24 de xullo, o Goberno Municipal de Fene acordou trasladar o acto institucional do Día da Patria Galega ao Salón de Plenos Municipal. Comezará ás 13.00 horas e contará coas intervencións do autor da declaración institucional deste ano, o director da banda Airiños de Fene, Miguel Doval, do  concelleiro de Cultura, Justo Ardá  e  do  alcalde  de Fene, Juventino Trigo. Ao remate do acto soará o Himno Galego.
22-07-2021 -

A veciñanza de San Valentín continuará coas protestas en Abanca Fene mentres a entidade non se comprometa a manter a oficina no barrio

Arredor de medio cento de veciñas e veciños de San Valentín volveron concentrarse este xoves pola mañá diante da oficina de Abanca en Fene en protesta polo peche estival da sucursal do seu barrio e ante a falla de garantías sobre a súa reapertura tralo verán. A comitiva veciñal saiu sobre as 9.30 da mañá da Praza do 10 de Marzo e a iso das 10.15 concentrábanse xa diante da oficina bancaria do cruce de Fene, onde deixaron penduradas pancartas alusivas ao "abandono" por parte de Abanca da súa clientela. A intención da coordinadora veciñal é continuar coas medidas de presión todos os xoves, aínda que tamén avisan de que poderían amplialas ao resto dos días da semana se Abanca non se compromete a manter os servizos en San Valentín.
22-07-2021 -

Fene rexeita en pleno o proxecto do parque eólico Caaveiro

O Concello de Fene aprobou esta mañá por unanimidade de todos os grupos municipais unha declaración institucional rexeitando o proxecto do parque eólico Caaveiro, que lle afectaría tanto ao cordal de Marraxón como a outros puntos dos municipios de Neda, Cabanas e San Sadurniño, ademais de prever liñas de evacuación pola Capela e As Pontes. Malia recoñecer a necesidade de promover as enerxías renovables, o pleno aliñouse deste modo coa demanda veciñal de que se free o proxecto, instando ao Estado a que informe desfavorablemente a súa implantación polos "impactos negativos que se derivarían para o conxunto do territorio e a veciñanza".
22-07-2021 -

As obras realizadas co gallo da andaina debuxada poderán visitarse dende mañá venres

O froito creativo de “Viñetas do Camiño” materializarase na xornada de mañá venres nunha exposición ao aire libre que recollerá os vinte e catro debuxos realizados pola ducia de artistas que participaron na “Andaina Debuxada” dos días 12 e 13 de xuño, no marco do proxecto promovido polo Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
21-07-2021 -

Emoción, lembranzas e risos na entrega dos XII Premios Rosalía de Castro de Lingua da Deputacion da Coruña

A celebración da entrega dos Premios Rosalía de Castro 2021 a carón do Museo do Humor de Fene espertou nalgúns dos protagonistas do acto, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Fene, vellas e divertidas lembranzas que conduciron aos presentes a esa “patria da infancia” á que se refería primeiro o gañador do certame na categoría de “Persoas”, Xaquín Marín, e posteriormente o artista que engalanou a xornada: o compositor, músico e cantante Xabier Díaz. O acto desenvolveuse segundo o previsto e cun amplo respaldo da veciñanza de Fene e bisbarra, ao redor de 150 persoas que non quixeron perder a ocasión de arroupar na entrega dos premios a un dos seus veciños ilustres. Tamén recolleron senllos galardóns a vicepresidenta da Agrupación Astronómica Ío, Carmen Denébola Álvarez Seoane, en representación da “Entidade” recoñecida este ano, e Carlos García Vieito, promotor e xerente de Twitter en galego, o “Proxecto” premiado en 2021.