14-03-2019

O Concello de Fene organiza este venres a mesa de experiencias e debate “Mulleres traballadoras: vivencias”

Fene continúa coa programación de actos para conmemorar o Día da Muller e, mañá venres 15 de marzo, a Concellería de Benestar Social que dirixe Juana Barro organiza un maratón de lectura, inaugura exposición e convoca á cidadanía a seguir unha mesa de experiencias e debate que se celebrará baixo o título “Mulleres traballadoras: vivencias”.
12-03-2019

O Concello de Fene conmemora este mes o Día da Muller con teatro, cine, exposicións, lecturas e moito debate

A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, avanzou esta mañá que o Concello continuará conmemorando ao longo do mes de marzo o Día Internacional da Muller e, amais dos obradoiros en centros educativos, a programación deseñada incluirá toda unha serie de exposicións, obras de teatro, cine, lecturas e debates.
Así, este venres 15 de marzo a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé albergará, dende as 9 e ata as 14 horas, a XVII edición do Maratón de lectura “Fene Lendo Mulleres”; as instalacións da Casa da Cultura serán tamén escenario da mostra “As Mulleres alimentan o mundo” sobre comercio xusto, que poderá visitarse nesa mesma xornada, e a partir das 19 horas, o Concello celebrará unha mesa de experiencias e debate no salón de actos do centro cultural. Será baixo o lema “Mulleres Traballadoras. Vivencias” e nela tomarán a palabra a pediatra Josefa García Santiago; a traductora Olga Santiago Pérez; a panadeira Manuela Carneiro Fernández, a mediadora de seguros Amalia Botas Lamas e a matemática Erica Diz Pita. Unha interesante proposta con entrada libre.
11-03-2019

Concentración violencia machista

Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe luns 11 de marzo ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE MARIA JESÚS ABOY de 43 anos, veciña de Valga (Pontevedra).
20-02-2019

Preto de 680 alumnos e alumnas de Fene, Mugardos e Neda participan en Cinensino

Un total de 679 alumnos e alumnas de 13 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda participan dende este mes e ata marzo no programa Cinensino que impulsan os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade.
 
18-02-2019

Charla sobre alzheimer no CMIU de Fene

O salón de actos do CMI Unidade de Fene albergará este martes 19 de febreiro unha charla informativa sobre alzheimer a cargo de AFAL Ferrolterra. A ponencia, que dará comezo ás 18,30 horas con entrada de balde, está organizada pola entidade social en colaboración co CMI e o departamento municipal de Servizos Sociais do Concello.
04-02-2019

Clausura dos obradoiros “Robótica para comerse o tarro” para mozos e mozas

O Concello de Fene celebrou o pasado sábado a sesión de clausura do curso “Robótica para comerse o tarro” no que tomaron parte 11 mozos e mozas dende o pasado día 15 de decembro.
24-01-2019

O Concello activa nos coles obradoiros para fomentar o uso responsable das TICs Celebraranse en xaneiro e febreiro, baixo o título “Desenrédate!”

A Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe a concelleira Juana Barro vén de poñer en marcha nos centros educativos de Fene unha serie de obradoiros para fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías baixo o título “Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC”. Comezaron este mes de xaneiro e prolongaranse ata febreiro. En concreto, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira (11 e 18 de xaneiro e 1 de febreiro); CEIP Centieiras (23 de xaneiro e 6 de febreiro); Jorge Juan (24 e 31 de xaneiro); IES Fene (8 de febreiro) e CEIP O Ramo (12 de febreiro). Así mesmo, como complemento das sesións co alumnado tamén están previstas sesións para as familias naqueles centros escolares nos que exista demanda e se reúna a un grupo superior ás dez persoas.
26-12-2018

Acto de clausura das Tardes Activas, nas que participaron 120 veciños e veciñas

Un total de 120 veciños e veciñas tomaron parte ó longo do presente trimestre nos diferentes obradoiros do programa municipal de envellecemento activo e participación social “Tardes Activas” que organizou a Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Juana Barro.
20-12-2018

Arranca o curso Robótica para comerse o tarro

O curso “Robótica para comerse o tarro” que promove a Concellería de Benestar Social que dirixe Juana Barro arrancaba a semana pasada no CCRD de Perlío. Unha actividade dirixida a rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos que se celebrará ata o 2 de febreiro e na que se abordarán materias como programación, minecraft, realidade aumentada, scratch, prototipos 3D, simulacións con robots ou novas tecnoloxías. O departamento municipal informa de que queda algunha praza libre, polo que os mozos e mozas interesados/as aínda poden anotarse no no whatsapp 670 034 625 ou no Centro Municipal de Servizos Sociais –Avenida do Mar, bloque 1 San Valentín.
19-12-2018

Reunión informativa este xoves no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene sobre o programa “Vacacións en Paz”

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Juana Barro, convida ós veciños e veciñas de Fene a tomar parte mañá xoves, ás 11 horas, nunha xuntanza informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” que se celebrará no Centro Municipal de Servizos Sociais –Avenida do Mar, bloque 1 San Valentín-. O programa consiste na acollida de nenos/nenas saharauis procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria) ata Galicia, para que pasen dous meses de verán (xullo e agosto) acollidos por familias, neste caso, do termo municipal de Fene.