28-05-2024

As mulleres de Fene reivindican o dereito a desfrutar dunha vida saudábel

Baixo o lema “A saúde das mulleres é un dereito”, o Concello de Fene está a conmemorar o Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se celebra neste 28 de maio. Coincidindo con esta efeméride, o departamento de Benestar Social e Igualdade organizou unha completa programación de pílulas informativas sobre diversas cuestións relacionadas coa saúde as mulleres, e unha andaina reivindicativa que tivo lugar esta mañá.
Un nutrido grupo de mulleres fenesas sumáronse a esta acción e percorreron esta mañá o camiño entre o departamento de Benestar Social e Igualdade, en San Valentín, e o Concello de Fene, para visibilizar e reivindicar o dereito das mulleres a desfrutar dunha vida saudábel. Ao remate da andaina, a concelleira de igualdade e servizos sociais, Sandra Permuy, deu lectura ao manifesto “A saúde das mulleres é un dereito”, e as presentes compartiron un refrixerio saudábel.
23-05-2024

O ciclo Acompañar no reto de educar aborda o vindeiro luns a conduta alimentaria na infancia e a prevención de trastornos asociados

A psicóloga clínica Yésica Bouza Sanmartín conducirá o vindeiro luns, 27 de maio, unha nova sesión do ciclo “Acompañar no reto de educar” que organizan os Servizos Sociais de Fene. Nesta novo encontro, que se desenvolverá de 18 a 20 horas na Casa da Cultura de Fene, abordarase a “Conduta alimentaria na infancia e prevención de trastornos asociados”. Algúns dos asuntos a tratar serán: a aceptación de diferentes corporalidades; hábitos desde unha perspectiva global de saúde; alimentos que necesita o corpo e o cerebro para un correcto funcionamento; como se desenvolve unha boa conduta alimentaria; pautas de prevención dos trastornos da conduta alimentaria; ou que pasa cos ideais de beleza que asumen nenas/os e adolescentes.
14-05-2024

Non pasa nada, pasa algo

Mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada, debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos. É o principal obxectivo do programa "Non pasa nada, pasa algo?" que botou a andar a semana pasada no IES de Fene. Organizado pola Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, coa colaboración dos Concellos de Neda e Mugardos (cos que está a desenvolver un proxecto de prevención de condutas aditivas, financiado pola Consellería de Sanidade).
 
09-05-2024

O ciclo Acompañar no Reto de Educar abordará o vindeiro luns o malestar físico e emocional nos/as adolescentes

A Casa da Cultura de Fene acollerá o vindeiro luns, ás 18.00 horas, unha nova conferencia no marco do programa familiar “Máis ca un teito” que promove a agrupación de Concellos de Fene, Mugardos e Neda, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Nesta ocasión, o tema a tratar será o “Malestar físico e emocional nas/os nenas/os e adolescentes. Sinais de alerta e sintomatoloxía”, abordándose cuestións coma os síntomas psicosomáticos e dores asociadas, enfermidades físicas, riscos de sobreprotección, autolesións e pautas de prevención. A charla vai dirixida a todos os públicos, ANPAs, entidades sociais, familias e preadolescentes e a entrada será libre e de balde.
26-04-2024

Aberta a inscrición na sesión para familias no ciclo Acompañar no reto de educar

A resolución de conflitos desde a educación emocional abordarase o vindeiro luns, 29 de abril, nunha nova sesión do programa de apoio ás familias e de prevención de condutas aditivas que organizan os Servizos Sociais de Fene a través da agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda. A actividade, complementaria aos obradoiros que se se están a realizar nos centros de ensino,  desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 18 a 20 horas, e vai dirixida a todos os públicos, Anpas, entidades sociais, familias e preadolescentes. Inscricións (até completar o aforo) no seguinte enlace.
26-04-2024

Abordaxe de conflitos desde a educación emocional

Os centros escolares de Fene están a participar en obradoiros de abordaxe de conflitos desde a educación emocional . Obradoiros enmarcados no proxecto de prevención de conductas adictivas realizado conxuntamente cós concellos de Neda e Mugardos e subvencionados pola Consellería de Sanidade. O obxectivo deste programa é formar e sensibilizar ao alumnado e as familias na prevención e resolución de conflitos para resolvelos de xeito sa e respetuoso tomando como base a educación emocional.
 
23-04-2024

Formación especializada en Alzheimer e Demencias

A Casa da Cultura de Fene acollerá os días 7 e 9 de maio un curso sobre Formación especializada en Alzheimer e Demencias. 
18-04-2024

Revolution Xuventude

17-04-2024

O Fondo Galego pon en marcha en Fene o obradoiro “Todos os ODS son locais” para implementar a Axenda 2030

O concello de Fene impulsará a implementación da Axenda 2030 no eido local a través do obradoiro ‘Todos os ODS son locais’, facilitado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo ‘People & Planet’.
A formación terá lugar o día 25 de abril de 10.00 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Avda Fene.
A actividade esta dirixida a persoal político e técnico dos municipios, tamén a asociacións de todo tipo e xente nova, desde colectivos de carácter social e cultural ata agrupacións de comerciantes, ANPA, etc. As administracións locais teñen un papel chave na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada.
O programa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. As e os asistentes recibirán mesmo unha guía de apoio, alén de degustar café de comercio xusto no descanso.
12-04-2024

Pautas de actuación para familias con menores en situación de risco, no ciclo Acompañar no reto de educar

Intoxicacións, adiccións ou autolisis, son algúns dos temas que se abordarán o vindeiro luns, 15 de abril, nunha nova sesión do programa de apoio ás familias e de prevención de condutas aditivas que organizan os Servizos Sociais de Fene a través da agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda. A actividade desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 18 a 20 horas, e vai dirixida a todos os públicos, Anpas, entidades sociais, familias e preadolescentes. Ao fronte da mesma estará María Canabal Regueira, enfermeira, técnica superior en Emerxencias no 061, instructora de formación sanitaria e rescatadora sanitaria no GERA Galicia.