03-03-2020

Mandís pola igualdade no 8 M

Dende a Concellería de Benestar e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención a Muller e Promoción da Igualdade, informamos do acto simbólico que terá lugar mañá mércores día 4 no concello consistente na colocación da bandeira conmemorativa do 8 de marzo.

Igualmente, e dentro da campaña de visibilización do traballo de coidados das mulleres, unímonos á iniciativa existente nos últimos anos de colocar no balcón municipal un mandil como símbolo dos traballos non remunerados, invisibilizados, precarios e maioritariamente realizados por mulleres.

O acto terá lugar ás 13:00 h

Igualmente, convidamos á cidadanía e establecementos de Fene a unirse á campaña de visibilización colocando mandís e mandilóns en lugares visíbeis como fenestras, balcóns, escaparates, terrazas... dende o día 4 até o 15 de marzo.
10-02-2020

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista en Lugo

Dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Fene, convócase para o martes 11 de febreiro de 2020 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE CLARA Mª EXPÓSITO VILANOVA de 49 anos Veciña de Lugo.

Clara foi asasinada este sábado pola parella, Francisco Javier B.F., de 47 anos, en Lugo pagando coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas as mulleres polo mero feito de ser mulleres. Este asasinato constitúe o segundo acto de violencia machista en Galicia no que vai de ano.


Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.
27-01-2020

Máis de 350 alumnos e alumnas de Educación Primaria de Fene, Mugardos e Neda participan no programa Cine e Saúde

Un total de 352 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 9 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda participan este mes no programa Cine e Saúde que impulsan os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade.

A ferramenta pedagóxica coa que se traballa é o cinema. Así, mediante a proxección dunha película vaise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa vai dirixido á poboación escolar de Primaria, ao profesorado que imparte clases neste nivel como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da película e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.
22-01-2020

O Concello de Fene ofrece terapias de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e o presidente de Afal Ferrolterra, Francisco Pantín, animaban esta mañá ás familias coidadoras de persoas con alzheimer e outras demencias a solicitar a participación no programa de terapias que o Concello ofrece para as persoas afectadas. Un programa de obradoiros de estimulación cognitiva que busca retardar o avance da doenza e mellorar a calidade de vida.
 
08-01-2020

Conferencia da activista Amelia Tiganus este xoves na Casa da Cultura de Fene

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene será escenario este xoves 9 de xaneiro da charla “Prostitución e pornografía: violencia sexual e comercial”, a cargo da activista Amelia Tiganus. A charla dará comezo ás 18,30 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo. Así mesmo, nesa xornada e máis o venres 10, acudirá aos centros de Secundaria e Bacharelato de Fene: CPI A Xunqueira, IES de Fene e Colexio Jorge Juan, para impartir charlas ao alumnado sobre pornografía e sexualidade, aspectos que hoxe en día contribúen ao repunte da violencia sexual contra as mulleres, sobre todo na poboación adolescente.
02-01-2020

A activista Amelia Tiganus ofrecerá en Fene a charla “Prostitución e pornografía: violencia sexual comercial”

A activista Amelia Tiganus visitará a próxima semana Fene para ofrecer unha charla baixo o título “Prostitución e pornografía: violencia sexual comercial”. Será o xoves 9 de xaneiro a partir das 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre ata completar aforo. Así mesmo, nesa xornada e máis o venres 10, acudirá aos centros de Secundaria e Bacharelato de Fene: CPI A Xunqueira, IES de Fene e Colexio Jorge Juan, para impartir charlas ao alumnado sobre pornografía e sexualidade, aspectos que hoxe en día contribúen ao repunte da violencia sexual contra as mulleres, sobre todo na poboación adolescente.
16-12-2019

A Casa da Cultura de Fene acolle a “Mostra das Violencias Invisibles”

A "Mostra das Violencias Invisibles" poderá visitarse na Casa da Cultura de Fene durante o mes de decembro. Unha exposición resultado do Obradoiro “A Saúde, unha Cuestión de Xénero”, que tivo lugar a semana pasada no Centro Municipal de Servizos Sociais, financiada pola Deputación de A Coruña no marco da Campaña "Machismos sen Miopías".
02-12-2019

Últimos días para anotarse no obradoiro “A saúde, unha cuestión de xénero”

A Concellería de Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, mantén aberto o prazo de inscrición no obradoiro gratuíto “A saúde: unha cuestión de xénero”. Pode formalizarse nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06, no email smam@fene.gal ou presencialmente no Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. Do Mar Bloque 1, baixo San Valentín). Consta de dúas sesións de cinco horas, e celebrarase a vindeira semana: os días 9 e 11 de decembro, de 16,30 a 19 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais.
27-11-2019

A Casa da Cultura acolle este xoves o espectáculo “Maxia pola Igualdade”

O Concello de Fene, a través da Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro, convida ás familias a asistir este xoves 28 de novembro ao espectáculo “Maxia pola Igualdade” coa maga Leo Leíño. Terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, a partir das 18 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo.
26-11-2019

O Concello de Fene inaugura no CEIP Os Casais e na unitaria de Sillobre as sesións de contacontos-obradoiro sobre igualdade

No marco das actividades de prevención da violencia machista e promoción da igualdade en torno ao 25 de novembro, a Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro programa un total de 10 sesións de contacontos-obradoiro para o alumnado de Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria (nenas e nenos de 3 a 9 anos). No día de onte celebrábanse as primeiras sesións no CEIP Plurilingüe Os Casais e na unitaria de Sillobre, e a programación continuará durante o mes de decembro: no CEIP Plurilingüe Centieiras o luns 2 de decembro, no CPI A Xunqueira o martes 3 de decembro; no CEIP Plurilingüe O Ramo o luns 9, e no colexio Jorge Juan o martes 10 de decembro.