O departamento municipal de Servizos Sociais ten abertas dúas liñas de traballo en canto á atención domiciliaria básica e de dependencia. Por unha banda, o Servizo de Axuda no Fogar funciona con total normalidade prestándolle asistencia ás persoas que xa viñan gozando do servizo -agás aquelas que solicitaron a baixa temporal- e, ademais, ofrece a posibilidade de incrementar de maneira provisional o alcance do apoio, previa valoración técnica. Por outra banda, as técnicas do servizo tamén deron de alta novos casos de atención urxente a raíz da crise sanitaria, para o que a Xunta de Galicia incrementou o financiamento en 3.226 horas mensuais. Desa bolsa de horas excepcionais e libres de copagamento, o Concello está cubrindo o total das peticións, que ascenden a 1.327 horas. A cifra actual de horas prestadas polo SAF fenés no territorio ascende a 5.377,80. Calquera familia ou persoa do municipio que precise calquera actuación relacionada coa atención de carácter asistencial e doméstico poden contactar cos Servizos Sociais municipais para solicitala. Unha posibilidade que atende tanto á ampliación ou modificación do servizo que xa se viñese tendo como ás altas con carácter temporal de novos casos motivados pola actual situación. É o caso, por exemplo, de persoas que vivan soas e que teñan dificultade para valerse, aquelas que acudían a un centro de día e que agora deben permanecer na casa sen dispor, por distintas razóns, de familiares que poidan prestarlles apoio, ou incluso persoas con solicitude de dependencia rexistrada que aínda non foran valoradas.