Un total de 352 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 9 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda e 120 de 2 centros educativos de secundaria participan este mes no programa Cine e Saúde que impulsan os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade.
A ferramenta pedagóxica coa que se traballa é o cinema. Así, mediante a proxección dunha película vaise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa vai dirixido á poboación escolar de Primaria, ao profesorado que imparte clases neste nivel como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da película e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.