19-01-2021

Continúan nos centros educativos de Fene os obradoiros de prevención de conductas adictivas

A Concellería de Benestar Social e Igualdade pon en marcha nos centros escolares  os obradoiros Non pasa nada, pasa algo?, encamiñados a mellorar a información sobre as adiccións.

As actividades estan destinados ao alumnado de 3º, 4º de ESO e FP Básica, e nestas ofrecéselles ao alumnado a manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e social, reforzando actuacións preventivas.

Estes obradoiros  complementan os xa iniciados en decembro e enmárcanse no Programa de Saúde na Escola.
12-01-2021

Novo paquete de exercicios do programa Tardes activas dende a casa

"Tardes activas dende a casa" é unha iniciativa de dinamización pensada para todas as persoas maiores de 55 anos e non só para quen xa estivese participando nalgunha actividade do programa municipal de envellecemento activo.

As solucións aos retos propostos figuran ao remate do documento pero, quen queira, pode enviarlas tamén ao correo servizos.sociais@fene.gal.
23-12-2020

Un Nadal Solidario

O Concello de Fene, en colaboración coa entidade Dignidade Ferrol repartirá o xoves día 24 de decembro 45 menús de Noiteboa para aquelas persoas e familias que están a pasar por unha situación de precariedade, que en moitos casos veuse agravada pola situación provocada pola COVID-19.

Ademais a Concellería de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade do Concello de Fene quere agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron nestas datas dun xeito desinteresado có noso Concello, aportando solidariedade nun momento tan especial como é o Nadal. 
22-12-2020

O Concello imparte nos centros educativos obradoiros para fomentar o uso responsable das TICs

A Concellería de Benestar Social e Igualdade vén de poñer en marcha nos centros educativos de Fene unha serie de obradoiros para fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías baixo o título “Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC”. Comezaron este mes de decembro e prolongaranse ata febreiro. En concreto, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira;  IES Fene e CEIP Os Casais. 
16-12-2020

O Concello de Fene anima á veciñanza a solicitar o servizo de acompañamento contra a soidade

Baixo o lema "En tempos de Covid botámoste un cable!", a concellería de Servizos Sociais desenvolve dende hai uns meses, coa colaboración da Asociación ASCM, un novo servizo que ten como obxectivo evitar ou combater o illamento social das persoas. A iniciativa vai dirixida á veciñanza de Fene, fundamentalmente ás persoas maiores ou en risco de illamento e consiste en ofrecer a quenes o demanden e precisen, acompañamento telefónico periódico: diario, semanal ou mensual, en función das súas necesidades. O servizo é completamente de balde e pódese solicitar chamando ao teléfono 981 34 26 07.

Unha vez recibida a solicitude e verificada por parte do Concello a "situación de soidade", elabórase dende Servizos Sociais unha ficha de derivación que se remite á asociación ASCM. Esta entidade conta na actualidade cun grupo de voluntarios/as que se encargan de realizan as chamadas aos/ás usuarios/as do servizo. Ademais, se detectan algunha posible urxencia que afecte a estas persoas, tamén o comunican ao Concello.

O Servizo de Acompañamento Telefónico funciona en Fene dende o pasado mes de abril. Foi unha das actuacións impulsadas polo Concello de Fene a raiz do comezo da pandemia da Covid 19.
10-12-2020

O Concello de Fene mantén os obradoiros para persoas maiores a través da web e a radio municipal

A pesar de que a situación sanitaria obrigou a suspender a programación presencial do Programa de Envellecemento Activo municipal "Tardes Activas" , a área de Benestar e Igualdade de mantén unha intensa actividade a través da web e das redes sociais, co obxectivo de manter no posible as rutinas que había antes desta crise.

"Tardes activas dende a casa" é un paquete de exercicios cognitivos ao que se pode acceder desde a web municipal estruturado nun reto á memoria para recordar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e, como remate, varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
02-12-2020

Convocada unha nova xornada de formación online sobre o acompañamento dixital e a prevención de condutas adictivas

A área de Benestar Social e Igualdade desenvolverá o día 10 de decembro unha nova sesión formativa no eido da prevención das conductas adictivas. Sesión dirixida ás familias e equipas directivas das ANPAS por ser entidades dinamizadoras e mediadoras con un efecto multiplicador.

A acción formativa contará con límite de 15 prazas para poder garantir un espazo virtual dinámico e participativo, buscando a interacción e dominio de ferramentas tecnolóxicas .

O período de inscrición permanecerá aberto até o mércores 9 de decembro  través do enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal.
25-11-2020

O comercio de Fene “tece igualdade” e comprométese na loita contra a violencia de xénero

Ao redor de 60 establecementos do Concello de Fene locen xa o seu “Distintivo violeta”, selo creado pola Concellaría de Benestar e Igualdade para recoñecer o compromiso deste sector coa igualdade e contra todo tipo de violencias por razón de xénero. Amais de colocar nos seus escaparates un distintivo que os recoñece como tal, os establecementos adheridos á campaña asumen a aplicación práctica de varias medidas no trato diario coa súa clientela, como por exemplo  o uso dunha linguaxe inclusiva en toda a información; a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes; non reproducir imaxes ou contidos sexistas que minusvaloren ou menosprecen ás mulleres e rexeitar as violencias por medio da posta en marcha de accións de prevención e denuncia.


25-11-2020

Manifesto Institucional 25 Novembro 2020, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Este 2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica. Esta situación, volve evidenciar as desigualdades de xénero que sosteñen a un sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres. A situación de confinamento, as limitacións á mobilidade e as consecuencias das medidas tomadas para facer fronte ao coronavirus, intensificaron as violencias machistas.
Moitas mulleres atopáronse encerradas cos seus maltratadores nunha especial situación de vulnerabilidade e incerteza. Durante o primeiras seis semanas de corentena realizáronse máis de 4.000 detencións por violencia machista, ademais vemos un aumento de máis do 50% do uso servizo telefónico do 016 e de máis dun 100% do seu uso online. Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, as chamadas ao 016 incrementáronse no mes de abril un 60% con respecto a abril de 2019, e as consultas online incrementáronse ese mesmo mes case un 600% comparado con abril do ano anterior.

Así mesmo, a pandemia do COVID-19 resaltou as diferentes fendas de xénero que seguen existindo en todos os ámbitos da nosa sociedade. Durante este período, as mulleres foron as protagonistas, tanto no ámbito sanitario —sendo elas a inmensa maioría de persoas traballadoras— como no ámbito dos coidados, vivindo situacións de precariedade e risco para a saúde para as empregadas do fogar e atención domiciliaria.
24-11-2020

Non pasa nada, pasa algo?

O alumnado do obradoiro de emprego participará esta semana no programa “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha actividade encamiñada a mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de sustancias e comportamentos adictivos, as súas implicacións na sociedade e a desterrar prexuízos, así como a establecer un maior coñecemento nesta materia.