Os concellos, como administracións máis próximas á veciñanza, tiveron que aplicarse a fondo desde o pasado 15 de marzo para continuar prestando os seus servizos nunha situación que lles esixiu modificar de arriba abaixo as rutinas de traballo e , ademais, multiplicar os esforzos para cubrir a atención aos colectivos máis vulnerables. Tras un primeiro momento de reorganización acelerada dos recursos asistenciais dispoñibles, a Concellaría de Servizos Sociais de Fene puxo en marcha distintas accións dirixidas principalmente a persoas maiores, dependentes, e familias en risco de exclusión que xa estaban sendo atendidas ou que viven unha situación difícil debido ás actuais circunstancias.
Servizos Sociais adoptou como primeira medida un protocolo coordinado co SAF, a Policía Local e Protección Civil para cubrir as necesidades das persoas que puidesen precisar axuda para ir mercar produtos básicos -alimentación, artigos de hixiene, medicamento, etc.- ou incluso acompañamento para levar mellor a situación.
De feito, xa na primeira semana do confinamento, este protocolo empezou a funcionar en todo o territorio a través dos teléfonos 981 492 706 e 607 616 253 -de 8.30 a 15.00h.- e do 604 055 703 en horario ampliado de luns a venres de 9 a 21.00h, deixando o de Protección Civil -663 379 073- para avisos de emerxencia ou peticións de axuda as 24 horas do día e 7 días á semana.