07-12-2018

O Concello abre a inscrición no programa “Robótica para comerse o tarro”

O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social, oferta o curso “Robótica para comerse o tarro”. Está dirixido a rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos, a participación é completamente gratuíta e a inscrición está aberta. Pode formalizarse por tres vías: nos centros educativos do municipio –ata o 12 de decembro nas respectivas secretarías-; no whatsapp 670 034 625 ou no Centro Municipal de Servizos Sociais –Avenida do Mar, bloque 1 San Valentín-. As prazas están limitadas a 20 e para iniciar a actividade requírese un mínimo de 10 participantes.
30-11-2018

Entrega de diplomas en Fene ás persoas participantes no Curso de Mediadores Sociais

A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, presidiu esta semana o acto de entrega de diplomas ás persoas participantes no Curso de Mediadores/as Sociais que organizou o Concello, xunto ós de Mugardos e Neda, no marco do proxecto conxunto de prevención de condutas aditivas que subvenciona a Consellería de Sanidade. Impartido por persoal técnico de Asfedro, a acción formativa tivo lugar na Casa da Cultura durante os meses de outubro e novembro.
09-11-2018

Fene acolleu o curso Xuntos nos Coidados para coidadores de persoas afectadas de alzheimer

Unha veintena de persoas tomaron parte no curso Xuntos nos Coidados que se celebrou esta semana no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene. Unha acción formativa gratuíta dirixida a persoas con familiares a cargo afectados de alzheimer ou outro tipo de demencia. O curso desenvolveuse en dúas sesións. Á primeira dela asistían a presidenta de AFAL Ferrolterra, Ana María López, e a vicepresidenta, Montse López, entidade que imparte o curso, así como o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a edil de Benestar, Juana Couto, concello que colabora coa iniciativa, impulsada pola Federación Alzheimer Galicia e a Consellería de Política Social. Todos eles aproveitaban a oportunidade para dar a coñecer o labor que desenvolve AFAL a favor das persoas afectadas e das súas familias e coidadores, con dous centros de día terapéuticos en Ferrol. Tamén dos diferentes cursos que o Concello, municipio solidario co alzheimer, desenvolve ó longo do ano nesta materia. Así mesmo, o alcalde avanzaba a próxima celebración de charlas sobre a enfermidade nas parroquias. Charlas que impartirá AFAL e cuxo calendario se dará a coñecer nas próximas semanas.
06-11-2018

Proxección da curta "MIÑA" e foro sobre a violencia de xénero este xoves en Fene

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá este xoves, 8 de novembro, a proxección da curta "MIÑA", do director Michael J. Cassidy, e un foro/debate posterior con profesionais especializados onde se tratará o abordaxe da violencia de xénero no ámbito veciñal. Será a partir das 19 horas con entrada libre e de balde.
06-11-2018

Teatro e fotografía para concienciar sobre a situación das persoas refuxiadas no IES de Fene

O IES de Fene acollerá ó longo desta semana unha exposición fotográfica e mais unha obra de teatro para concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. As actividades encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Fene.
25-10-2018

Obradoiro para a prevención da violencia de xénero no CEIP A Xunqueira

No marco da programación do 25 de Novembro, “Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres”, o Concello de Fene informa de que mañá venres, 26 de outubro, impartirase no CEIP A Xunqueira o Obradoiro para a prevención da violencia de xénero “Nas TIC Mandas Ti”.
25-10-2018

Aberta a inscrición no curso gratuíto Xuntos nos coidados para familiares a cargo de persoas con alzheimer

 A aula de Formación do Centro de Servizos Sociais de Fene acollerá os días 6 e 8 de novembro o curso “Xuntos nos coidados”. Unha acción formativa dirixida a familiares ao coidado de persoas con alzheimer ou outro tipo de demencias organizada pola Federación Alzheimer Galicia en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, o Concello de Fene e AFAL Ferrolterra. A participación é gratuíta e as prazas limitadas, polo que as persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na asociación (rúa Río Castro, 43-45 baixo Ferrol) ou chamando ao teléfono 981 37 06 92.
22-10-2018

Arranca o curso de mediadores sociais en Fene

Dez persoas iniciaron a semana pasada en Fene o Curso de Mediadores-as Sociais que organiza o Concello, xunto ós de Mugardos e Neda, no marco do proxecto conxunto de prevención de condutas aditivas que subvenciona a Consellería de Sanidade. Impartido por persoal técnico de Asfedro, a acción formativa desenvolverase na Casa da Cultura todos os mércores deste mes e do de novembro, en horario de 18 a 20 horas.
16-10-2018

Doce mulleres de Fene toman parte no obradoiro de informática que impulsan INICE e Concello

I.N.I.C.E., Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas, con sede central en Salamanca, en colaboración co Concello de Fene vén de poñer en marcha un novo obradoiro dentro do programa de fomento da igualdade e uso das novas tecnoloxías. Doce mulleres de Fene comezaron no día de onte o taller de informática, nivel avanzado, de 20 horas de duración que se prolongará ata o día 31, na aula de informática do Concello. Un obradoiro subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
08-10-2018

Últimos días para apuntarse ó Curso de Mediadores Sociais

O Concello de Fene, xunto ós de Mugardos e Neda, promove un Curso de Mediadores/as sociais no marco do proxecto conxunto de prevención de condutas aditivas que subvenciona a Consellería de Sanidade. No caso de Fene, a acción formativa desenvolverase na Casa da Cultura os mércores 17, 24 e 31 de outubro así como os días 7, 14, 21 e 28 de novembro, de 18 a 20 horas.