O Concello de Fene lembrará a vindeira semana á escritora galega máis universal, sumándose ás distintas administracións e entidades culturais e educativas que conmemoran a efeméride do nacemento da poetisa. Aínda que, até o de agora, a data de celebración do Día de Rosalía era o 24 de febreiro, recentemente trasladouse ao 23, logo da presentación dun estudo que acredita a data de nacemento real da escritora nese día. Precisamente, será o vindeiro mércores, 23 de febreiro, cando Concello de Fene homenaxee a Rosalía cun acto institucional ás 20.00 horas, no parque adicado á escritora, en Perlío. Ao día seguinte, o xoves 24, o programa artellado pola Concellería de Cultura continuará cun concerto de Roger de Flor e Os Peregrinos co espectáculo "Lúa descolorida: tributo a Rosalía". A cita será ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, con entrada de balde até completar o aforo. Actividades dirixidas a todos os públicos.