Novas

01-06-2022

Fene participa na V edición de Primavera no Camiño Inglés

A Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Oroso coa que se pretende poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea. Participarán nesta xornada os 18 municipios polos que discorre o Camiño Inglés: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. E, segundo avanzan dende a organización, ao longo do día haberá actividades gastronómicas e culturais, baile, música, obradoiros gratuítos para nenos e nenas, e mercado de artesanía. O Concello de Fene estará representado nesta V Primavera no Camiño Inglés cun stand no que se achegará información turística aos visitantes. Ademais, ás 11.30 horas, está prevista unha actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene.
31-05-2022

Festival de fin de curso das Escolas Municipais de Música

As Escolas Municipais de Piano e Guitarra 2021/22 do Concello de Fene chegan ao seu fin. Por este motivo, a Concellería de Cultura organiza para este xoves, 2 de xuño, o festival de clausura de ámbalas dúas actividades ás que asistiron ao longo do presente curso escolar ao redor de 40 persoas. O certame comezará o xoves ás 17 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e terá como protagonista ao alumnado infantil e xuvenil das devanditas escolas.
27-05-2022

ContandoCiencia chega ao seu fin cunha conferencia do biólogo Xurxo Mariño

A Casa da Cultura de Fene acollerá o mércores 1 de xuño a derradeira sesión do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O protagonista desta sexta e derradeira charla será o doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño. Falará sobre “Unha mirada á evolución da linguaxe” o vindeiro mércores ás 19.30 h. no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
25-05-2022

O mércores 1 de xuño abre o prazo de preinscrición para o Verán máis alá! 2022

Un ano máis, a Concellería de Cultura pon en marcha o Verán Máis Alá de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2010 e 2018 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 4 ao 29 de xullo en horario de 8:00 a 14:00 h.. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2022) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.
19-05-2022

Fene acolle este venres un obradoiro de debuxo urbano a cargo da escola de BD O Garaxe Hermético

Dirixido a mozos/as de 14 a 20 anos, trátase dun taller co que se pretende sensibilizar á xuventude sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. Para iso, ensinaranse as técnicas básicas para o debuxo de campo e o traballo ao natural. O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene, será apto para todos os niveis, incluído o de iniciación. Ao fronte da actividade, que terá lugar este venres, de 16.30 a 20.30 no barrio de San Valentín, estará un mestre da Escola Profesional de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”, de Pontevedra. As persoas que desexen anotarse deberán enviar por correo a servizos.sociais@fene.gal a ficha de inscrición cuberta antes do venres 20 de maio ao mediodía. As prazas son limitadas (15) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
16-05-2022

A psiquiatra ferrolá Iria Veiga participa este mércores no ciclo ContandoCiencia

Sobre a “Adolescencia e saúde mental” falará este mércores ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A charla forma parte do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. Esta quinta e penúltima sesión do programa ía ter lugar a pasada semana pero, por motivos alleos á organización, tivo que aprazarse a esta semana. A entrada á conferencia do mércores será libre até completar o aforo.
13-05-2022

A biblioteca de Fene festexará as letras galegas cunha sesión de contacontos

O vindeiro martes, 17 de maio, conmemórase o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987).
Para conmemorar esta data, a biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia unha sesión de contacontos titulada “Florencio Delgado Gurriarán. De Valdeorras a México”, a cargo do grupo Polo correo do vento. A actividade terá lugar o xoves 19 de maio, ás 18.00 horas, na biblioteca onde xa se pode reservar praza para asistir á función (presencialmente ou por teléfono, chamando ao 981 34 23 02 en horario de tarde ou o sábado pola mañá).
11-05-2022

Presentación do libro gañador do XXXIV Premio Pérez Parallé

No marco da programación artellada ao redor do Día das Letras Galegas 2022, o CMI Unidade de Fene acolle este sábado, 14 de maio, a presentación de Alimentar canarios con ovos da casa, poemario de Anxo Mena que resultou gañador da última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O acto terá lugar a partir das 20.00 horas e incluirá unha actuación musical a cargo da cantautora Sofía Espiñeira.
09-05-2022

ContandoCiencia aborda este mércores en Fene o tema da adolescencia e a saúde mental

A quinta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene este mércores, 11 de maio, á psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A conferencia, titulada “Adolescencia e saúde mental”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene o mércores ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
22-04-2022

O programa ContandoCiencia continúa o vindeiro mércores cunha charla do inmunólogo José Gómez Rial

A cuarta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene o mércores 27 de abril ao inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago José Gómez Rial. A conferencia, titulada “A viaxe da vacina fronte a Covid19 no teu corpo”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene, ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.