Cun concerto a cargo de Ukestra do Medio comeza este venres o ciclo “Xullo, mes da patria” que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene até finais do mes de xullo. O ciclo inclúe as catro actuacións de narración oral e música de “Humor Peregrino”, actividade incluída no proxecto Viñetas do Camiño que o Concello de Fene está a desenvolver dentro do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Tamén se anuncian concertos de Sito Sedes coa Garufa Blue Devils (21 de xullo), de Sés (22 de xullo) e Amadeus, a propósito do seu 30º aniversario (24 de xullo). E, para completar o programa, o 20 de xullo Fene acollerá o acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro de Lingua, da Deputación da Coruña, que nesta edición recaeron -na categoría de “Persoas”- na figura do debuxante fenés Xaquín Marín. E o 23 será a inauguración da exposición de Viñetas do Camiño, na que se poderá ver unha escolma dos debuxos realizados polos artistas convidados á Andaina debuxada do pasado mes de xuño.