Novas

31-01-2019

O Concello de Fene abre a inscrición na Escola de Natación postparto

O Concello de Fene comezará a ofertar en febreiro a "Escola de natación postparto", que se realizará xunto coa “Escola de natación para embarazadas" que xa se vén realizando dende hai un tempo. As interesadas en participar en calquera destas actividades poderán formalizar a súa inscrición nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira (en San Valentín) de luns a venres de 9 a 13,30 e os mércores en horario de tarde, de 16,30 a 19 horas.
A escola de natación para embarazadas é un programa de exercicios acuáticos orientado a evitar un sobrepeso innecesario, a preparar os músculos para o parto e a lograr un estado de relaxación e benestar durante a etapa de xestación. Ademais, a preparación física previa ao parto supón unha mellor e máis rápida recuperación despois do embarazo, que se pode potenciar coa natación postparto.
28-01-2019

Constituído o Consello Municipal de Deportes de Fene

O Concello de Fene acolleu a semana pasada a sesión de constitución do Consello Municipal de Deportes, un órgano que reúne a representantes dos clubes deportivos, entidades que desenvolven actividades neste ámbito e ANPAS da cidade. Con el, segundo explicou o edil de área, Xoán Manuel Bastida, búscase favorecer a súa participación efectiva na toma de decisións municipais e impulsar proxectos e iniciativas que permitan a Fene recuperar a súa posición protagonista no mundo do deporte. Así, nesta primeira xuntanza, presidida polo alcalde, Gumersindo Galego, abordáronse xa na orde do día asuntos de especial relevancia.
 
25-01-2019

VII Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene este domingo no pavillón de A Xunqueira

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, acollerá este domingo 27 de xaneiro a VII edición do Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene. Celebrarase en horario de 11 a 20,30 coa participación duns 300 bailaríns e bailarinas -90 parellas e 6 grupos de danza coreográfica-. Nenos e nenas a partir de 4 anos e adultos. Trátase dunha competición puntuable para o ránking nacional e autonómico, e probas Open Internacional e nela tomarán parte campións e subcampións de España de Baile Deportivo. Así mesmo, acudirán a Fene parellas de toda Galicia e doutros puntos do territorio nacional e, na proba internacional, contarase coa presenza de parellas de Portugal.
18-01-2019

O Concello de Fene recupera unha parcela en desuso de 5.000 m2 para habilitar un circuito de cross único na comarca

Fene contará antes de que remate o mes de xaneiro cun circuito de cross duns 5.000 metros cadrados único na comarca. Así o avanzou o concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, tras o inicio das obras de acondicionamento da zona. A parcela, de titularidade municipal, está emprazada nas inmediacións do IES de Fene, en Barallobre, e linda coas recén recuperadas pistas de atletismo. Unha e outra infraestructura estarán conectadas e sumarán uns 12.500 metros cadrados para a práctica deportiva no Concello.
02-01-2019

O Concello de Fene convida a nenos e maiores a patinar sobre xeo

A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida inaugura esta tarde, a partir das 16,30 horas, unha pista de xeo sintética na pista polideportiva de San Valentín. Permanecerá aberta ata o vindeiro luns, 7 de xaneiro, coincidindo cos últimos días das vacacións escolares de Nadal, e o seu horario será de 16,30 a 20,30 horas.
02-01-2019

O Concello abre a preinscrición para participar na campaña de esquí da Deputación

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida, vén de abrir o prazo de preinscrición na Campaña de Esquí da Deputación provincial da Coruña. Está dirixida a rapaces e rapazas de entre 11 e 15 anos, incluídos (cumplidos a 31 de decembro de 2019), e ofrece cursiños, estancia e manutención na estación invernal de Cabeza de Manzaneda. No caso de Fene, correspóndenlle oito prazas para a quenda do 15 ó 18 de febreiro. Para participar é preciso formalizar a preinscrición no departamento de Cultura e Deportes –Avenida Naturais, 44, entrechán-, dende hoxe, día 2, e ata o 10 de xaneiro, de luns a venres de 9,30 a 13,30 horas. Os mércores 2 e 9 de xaneiro tamén se recollerán preinscricións de 16 a 18 h. Será preciso achegar un volante de empadronamento no Concello de Fene e cubrir a correspondente ficha.
28-12-2018

Máis de 600 persoas tomarán parte este sábado na VI San Silvestre de Fene

Un total de 601 persoas inscribíronse na VI edición da Carreira e Andaina de San Silvestre que organiza mañá sábado a Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida. Unha cita que congregará a veciños e veciñas de todas as idades para despedir o ano facendo deporte.
21-12-2018

O pavillón da Xunqueira acolle este sábado a Exhibición de Ximnasia Artística

O pavillón municipal da Xunqueira acollerá este sábado, 22 de decembro, a Exhibición de Ximnasia Artística, na que tomarán parte preto de 150 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos. Organizada polo Club Ximnasia Ferrolterra e a Escola de Ximnasia Ferrolterra, a cita conta coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene que dirixe Xoán Manuel Bastida. Dará comezo ás 16,30 horas e a entrada é libre e de balde.
19-12-2018

Aberta a inscrición na Carreira e Andaina de San Silvestre do Concello de Fene

A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida organiza o día 29 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Será polas rúas de Fene, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 3,75 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, a participación é gratuíta para todas as categorías de menores e de 2 euros para a carreira absoluta. A inscrición xa está aberta na web www.carreirasgalegas.com e o prazo pecharase o 25 de decembro ás 23,59 horas -non se admitirán inscricións presenciais o mesmo día da proba.
14-12-2018

Preto de 530 nenos e maiores participarán este sábado en Fene na VIII Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón

A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida organiza este sábado, coa colaboración especial da entidade Fene Movemento, a VIII edición da Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón. Á mesma confirmación a súa asistencia nada máis e nada menos que 530 bailaríns e bailarinas de once escolas e clubes de Fene e doutros municipios da comarca. Celebrarase a partir das 17 horas no pavillón municipal da Xunqueira e, no lugar de entrada, o público asistente poderá entregar produtos alimenticios non perecedoiros que o Concello entregará a Cáritas para aquelas familias con menos recursos.