Dirixido a todo o alumnado de Fene, realízase en colaboración cos centros de ensino. Estrutúrase en xornadas dedicadas ao campo a través, atletismo divertido, xogos tradicionais e milla escolar xunto cun programa ao longo da maior parte do curso dedicado á natación escolar.
Xornadas de xogos tradicionais
Estas xornadas non só son un xeito e coñecer os xogos tradicionais, senón que tamén son unha forma de convivencia entre os diferentes centros de ensino do Concello.
Para realizar o control destas xornadas o Concello conta con monitorado así como coa colaboración do profesorado dos centros de ensino.
Os xogos propostos son entre outros brilé, o pano, soga tira, carreiras de sacos, salto á corda colectivo, os tres pés (por parellas e cun pé atado ao compañeiro) e a chave (coa colaboración da Liga de amigos da Chave de Ferrolterra).
Milla Escolar
Proba que se desenvolve na Avenida do Mar de San Valentín, xunto ao pavillón da Xunqueira, nunha recta de 150 metros.
Diferéncianse as categorías por anos de nacemento e aulas (ou idades equivalentes á idade correspondente de cada curso), deste xeito favorécese a participación de nenos e nenas da mesma aula, sobre todo nas categorías inferiores. En todas as categorías diferenciarase entre masculino e feminino.
Programa de natación escolar
Programa gratuíto ofertado ao alumnado de primaria dos centros de ensino de Fene.
O concello acada con este programa un dos seus obxectivos no ámbito deportivo, isto é, garantir o achegamento e coñecemento de todos os nenos e nenas á actividade deportiva da natación e ao medio acuático.