A Deputación da Coruña convida ás entidades culturais a adaptar os seus programas ás esixencias do coronavirus
12-05-2020
As asociacións culturais terán oportunidade de modificar as programacións culturais que presentaron ás subvencións da Deputación da Coruña para adaptalas ás esixencias provocadas polo coronavirus. A área de Cultura ofrece esta posibilidade para modificar aquelas iniciativas que o confinamento e as limitacións para actos públicos obrigou a cancelar.
O prazo para que as entidades culturais se presentasen ás liñas de axuda da Deputación da Coruña remataba o pasado 6 de marzo pero a Covid19 fixo que fose imposíbel realizar algunhas das actividades das programacións que concorrían á convocatoria. Por iso, a área de Cultura da Deputación da Coruña ofrécelle ás asociacións a oportunidade de modificar as súas solicitudes e adaptar os programas ás novas condicións sanitarias que impediron até agora e limitan nos próximos tempos as iniciativas multitudinarias.
En concreto, serán as liñas de subvencións FO200, FO203 e FO213 destinadas ao apoio de programas de actividades da cultura de base nas que se poderán introducir modificacións nas propostas presentadas. Son as convocatorias destinadas a entidades sen ánimo de lucro, as entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e tamén ás corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato.
Desta maneira, permitirase ás asociacións a reformulación das propostas de actividades tendo en conta que moitas delas serán inviábeis pola crise do COVID19.
As entidades terán dez días hábiles para modificar os programas desde a recepción da notificación.