Bando do Día da Patria Galega 2022
21-07-2022
Perante a proximidade do 25 de xullo, Día da Patria Galega, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, vén de publicar un bando municipal no que lembra que nesta xornada "homenaxeamos aos nosos devanceiros, a quen nos precederon na loita polas liberdades democráticas e o autogoberno, nomeadamente a Daniel e a Amador e a todas aquelas persoas que hai 50 anos, no de 10 de marzo de 1972, saíron á rúa para defenderen os seus dereitos laborais e protagonizar un dos fitos máis importantes na historia do movemento obreiro galego".
Asemade, no documento salienta o carácter reivindicativo desta data "na que cómpre reclamar maiores cotas de autogoberno pois cómpre dar resposta aos retos actuais, tanto globais coma locais. Galiza arde de Ortegal ao Miño por mor da falta de políticas forestais e de desenvolvemento do medio rural acaídas. Combater o cambio climático precisa dunha transición enerxética que potencia a implantación de enerxías renovables pero non a calquera prezo".
Por último, o primeiro rexedor fenés anima á veciñanza a pendurar as bandeiras galegas en fenestras e balcóns e desexa "un Feliz 25 de xullo co corazón e a razón pensando na terra, nos símbolos, nos nosos elementos de identidade, mais tamén coa ollada posta nun futuro de xustiza, progreso e prosperidade para o noso país".