Novas

20-06-2022

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) que coincide, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o xoves 23 de xuño e até o vindeiro 7 de setembro, ámbolos dous inclusive, o horario da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. No que respecta aos demais servizos da Casa da Cultura (Museo do Humor, sala de exposicións temporais e aula de estudo), o comezo do horario de verán adíase até o vindeiro martes, logo da clausura da exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín, que está prevista para o luns 27 de xuño.
08-06-2022

Admitidos/as no verán máis alá 2022

Publicado o listado de admitidos/as no verán máis alá 2022. Nesta fase de matriculación, os pais/nais deberán achegar a documentación especificada nas bases do programa: ficha de datos, ficha médica, informe médico (de ser preciso), declaración de autorizacións, fotografía, xustificante de pagamento da cota, copia da tarxeta sanitaria,.....
Tamén neste caso, a achega de documentación poderá realizarse por vía telemática e de maneira presencial (solicitando cita previa a partir do día 9 de xuño no teléfono 981.340.366 )

As familias con praza poderán formalizar a matriculación en "Verán Máis Alá" do día 15 ao 17 de xuño.

O custo da actividade para o mes completo é 68,15 € (2º membro da unidade familiar 36,70 €); para unha quincena o custo é 34,08 € (2º membro 18,35 €)

Ademais, en situación de escasa capacidade económica, “as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade nos termos sinalados no artigo 4) da Ordenanza fiscal núm. 2”.

Por último, a Concellería de Cultura lembra que haberá unha reunión previa cos pais/nais/titores dos/as participantes no Salón de Plenos da Casa do Concello o xoves 30 de xuño ás 20:00 horas.

Para máis información sobre o programa cómpre chamar ao Departamento de Cultura e Deportes (tfno. 981 340 366) ou enviar un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal.
03-06-2022

Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas para os festivais Felicia Pop e Fenerock

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e representantes das asociacións Felicia A.C. e Os Centolos A.C. reuníronse este xoves na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e ámbalas dúas entidades ao obxecto de organizar os festivais Felicia Pop e Fenerock 2022. Convenios que, no seu conxunto, suman 22.000€, a razón de 11.000€ para cada unha das sociedades. Con estas aportacións, o Goberno Municipal de Fene pretende apoiar a organización de dous certames que, pola súa traxectoria e especial interese, son xa un referente no calendario de festivais de música en Galicia.
01-06-2022

Fene participa na V edición de Primavera no Camiño Inglés

A Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Oroso coa que se pretende poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea. Participarán nesta xornada os 18 municipios polos que discorre o Camiño Inglés: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. E, segundo avanzan dende a organización, ao longo do día haberá actividades gastronómicas e culturais, baile, música, obradoiros gratuítos para nenos e nenas, e mercado de artesanía. O Concello de Fene estará representado nesta V Primavera no Camiño Inglés cun stand no que se achegará información turística aos visitantes. Ademais, ás 11.30 horas, está prevista unha actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene.
31-05-2022

Festival de fin de curso das Escolas Municipais de Música

As Escolas Municipais de Piano e Guitarra 2021/22 do Concello de Fene chegan ao seu fin. Por este motivo, a Concellería de Cultura organiza para este xoves, 2 de xuño, o festival de clausura de ámbalas dúas actividades ás que asistiron ao longo do presente curso escolar ao redor de 40 persoas. O certame comezará o xoves ás 17 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e terá como protagonista ao alumnado infantil e xuvenil das devanditas escolas.
27-05-2022

ContandoCiencia chega ao seu fin cunha conferencia do biólogo Xurxo Mariño

A Casa da Cultura de Fene acollerá o mércores 1 de xuño a derradeira sesión do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O protagonista desta sexta e derradeira charla será o doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño. Falará sobre “Unha mirada á evolución da linguaxe” o vindeiro mércores ás 19.30 h. no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
25-05-2022

O mércores 1 de xuño abre o prazo de preinscrición para o Verán máis alá! 2022

Un ano máis, a Concellería de Cultura pon en marcha o Verán Máis Alá de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2010 e 2018 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 4 ao 29 de xullo en horario de 8:00 a 14:00 h.. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2022) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.
19-05-2022

Fene acolle este venres un obradoiro de debuxo urbano a cargo da escola de BD O Garaxe Hermético

Dirixido a mozos/as de 14 a 20 anos, trátase dun taller co que se pretende sensibilizar á xuventude sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. Para iso, ensinaranse as técnicas básicas para o debuxo de campo e o traballo ao natural. O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene, será apto para todos os niveis, incluído o de iniciación. Ao fronte da actividade, que terá lugar este venres, de 16.30 a 20.30 no barrio de San Valentín, estará un mestre da Escola Profesional de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”, de Pontevedra. As persoas que desexen anotarse deberán enviar por correo a servizos.sociais@fene.gal a ficha de inscrición cuberta antes do venres 20 de maio ao mediodía. As prazas son limitadas (15) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
16-05-2022

A psiquiatra ferrolá Iria Veiga participa este mércores no ciclo ContandoCiencia

Sobre a “Adolescencia e saúde mental” falará este mércores ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A charla forma parte do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. Esta quinta e penúltima sesión do programa ía ter lugar a pasada semana pero, por motivos alleos á organización, tivo que aprazarse a esta semana. A entrada á conferencia do mércores será libre até completar o aforo.
13-05-2022

A biblioteca de Fene festexará as letras galegas cunha sesión de contacontos

O vindeiro martes, 17 de maio, conmemórase o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987).
Para conmemorar esta data, a biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia unha sesión de contacontos titulada “Florencio Delgado Gurriarán. De Valdeorras a México”, a cargo do grupo Polo correo do vento. A actividade terá lugar o xoves 19 de maio, ás 18.00 horas, na biblioteca onde xa se pode reservar praza para asistir á función (presencialmente ou por teléfono, chamando ao 981 34 23 02 en horario de tarde ou o sábado pola mañá).