Programa Xantar na Casa

O programa "Xantar na Casa" é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores e/ou dependentes, con déficits de autonomía persoal e nulo ou insuficiente apoio familiar, para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coas compras e/ou elaboración de menús.

Menús:

Os menús serán completos e equilibrados, variados e adaptables ás necesidades das persoas usuarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano. Cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa.

Prezo:

  • Prezo menú/día: 6,27 €
  • Achega dos usuarios: (26,67%) 1,67 €
  • Achega do Concello:  (26,67%) 1,67 €
  • Achega do Consorcio: 2,93 € (46,66%)

Reparto

Os xantares entregaranse nun único día á semana ás persoas beneficiarias, que recibirán no seu domicilio sete bandexas diferentes co xantar para cada día da semana durante o período en que se atopen de alta no servizo.

Seguemento do programa e obriga de comunicación recíproca

O Consorcio fará un seguemento de todas as incidencias do servizo, tanto as relativas ao funcionamento como aquelas que poidan influír directamente na correcta conservación e utilización dos alimentos.

Así mesmo comunicará ao Concello calquera incidencia relativa ás persoas beneficiarias que poida producirse na prestación do servizo así como calquera información relativa ao benestar e/ou situación persoal, física, anímica ou social da persoa beneficiaria competencia dos Servizos Sociais municipais.  Semanalmente remitirá ao concello un parte onde se consignen as ditas incidencias.

Pola súa vez, o Concello informará ao Consorcio de todas aquelas cuestións relativas ás persoas beneficiarias e que poidan influír na prestación do servizo.

Requisitos

Poderán ser persoas beneficiarias do servizo, aquelas que cumpran os seguintes requisitos:

1.- Estar nalgunha das seguintes situacións:

a) Persoas maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal, e sen rede de apoio que puidera suplir tal situación, ou que esta sexa inaxeitada ou insuficiente.

b) Persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, ou que esta sexa inaxeitada ou insuficiente e que requiran da axuda para a preparación de alimentos.

c) Persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, técnicamente avaliada.

2.-Con empadroamento e residencia efectiva no Concello de Fene.

3.- Cumprir as seguintes condicións económicas respecto aos ingresos mensuais do conxunto da unidade familiar, así como o referente ao capital mobiliario e/ou inmobiliario que se posúa na mesma:

  • Ingresos Regulares: que os recursos económicos da unidade de convivencia non supere unha renda percápita de 150 % do IPREM (Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples), que para o presente exercicio 2016 suporá un límite de 798.76 euros ao mes por cada membro da unidade de convivencia.
  • Capital inmobiliario: Excluiranse aquelas persoas que posúan bens mobles ou inmobles sobre os que se teña calquera clase de dereito que pola súas características, valoración, posibilidades de explotación ou venda indique a existencia de medios suficientes. Exceptúase a vivenda propia sempre que a súa valoración catastral non supere 10 anualidades do S.M.I. vixente para o exercicio 2016 que ascende a unha contía de 91.728 euros.
  • Capital mobiliario: Entenderanse medios económicos suficientes no que respecta aos recursos procedentes do capital mobiliario, e a efectos de valoración para a resolución das solicitudes ao abeiro deste programa, os que superen as 15.000 euros en contas de aforros e/ou investimentos que posúa a unidade familiar (terase en conta o saldo a 31 de decembro/2015 da/s certificacións bancarias presentadas). Aqueles solicitantes que superen este saldo bancario, aínda que reúnan o resto dos requisitos, non poderán beneficiarse deste programa.

4.- Acadar a puntuación suficiente para acceso ao número de prazas que oferta o Concello en función do baremo de puntuación contido no presente regulamento.

Áreas