Programa de Educación e Apoio Familiar

O Programa de Educación e Apoio Familiar é un programa público integrado na rede de Servicios Sociais Comunitarios, orientado á prestar un conxunto de actuacións de apoio á familia no ámbito psicoeducativo, relacional, persoal... e cofinaciado pola Deputación Provincial de A Coruña e o Concello de Fene.

Integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

Con este Programa, pretendemos apoiar e reforzar a tarefa “educativa e maduradora” da familia, ofrecendo pautas de conduta, orientacións educativas, adquisición de hábitos saudábeis e actuacións preventivas dirixidas a detectar e/ou evitar situacións de risco na infancia e na xuventude a través dun abordaxe integral que ten como punto de partida a propia realidade familiar.

Que profesionais interveñen?

Unha psicóloga, responsable do Programa, é a encargada de levar a cabo as actuacións, valoracións, intervencións e/ou derivacións con cada familia así como o seguimento posterior á intervención se fora necesario.

Todo iso co apoio e coordinación do equipo interdisplinar de Servizos Sociais (traballadoras sociais e pedagoga) e cos diferentes profesionais e recursos da zona: centros escolares e de formación, centro de saúde, servizo de atención temperá, especialistas en saúde mental e/ou intervención psicolóxica, Servizo de Menores, Fiscalía de Menores, Forzas de seguridade, Xulgado...

Nos casos nos que a familia presente unha problemática asociada a consumo de drogas e/ou adicións, esta será derivada ao Programa Municipal de Mediación en Condutas Aditivas  onde será atendida pola pedagoga municipal, responsable do programa.

Contamos tamén cun Servizo de Asesoramento Xurídico onde un/unha avogado/a presta información e asesoramento en temas de dereito social e familiar.

Que pretendemos acadar con este programa?

Independentemente da demanda que presente a propia familia e dos obxectivos que de xeito específico se marquen con cada unha en función da situación que presenten, de xeito xeral pretendemos:

  • Mellorar a calidade de vida e as relacións do núcleo familiar.
  • Promover hábitos de vida saudables na organización familiar.
  • Mellorar a comunicación e/ou a relación dentro da familia.
  • Reforzar e coordinar as actuacións e a relación dos/as pais/nais no eido escolar e educativo.
  • Potenciar que os/as pais/nais adquiran pautas educativas cara á educación dos seus fillos/as.
  • Prestar apoio psicolóxico e fortalecer á familia ante situacións persoais, familiares e/ou situacións de crise: separacións, garda e custodia dos/as menores, enfermidade, discapacidade, violencia de xénero, violencia intrafamiliar, malos tratos, problemas de conducta nos menores...
  • Orientar e mediar en situacións de crise: separacións, garda e custodia dos/as menores, enfermidade, discapacidade, violencia de xénero, violencia intrafamiliar, malos tratos, problemas de conducta nos menores...
  • Concienciar ás familias da importancia dunha boa educación en valores, e posta en práctica das habilidades aprendidas.
  • Previr e actuar ante problemas de absentismo escolar
  • Potenciar os propios recursos do sistema familiar e os persoais de cada un dos seus membros.
  • Manter as/os menores no seo familiar e previr internamentos en centros tutelados.
  • Potenciar a igualdade de xénero a través da sensibilización, a coeducación e a colaboración entre todos os membros da familia.
  • Concienciar e sensibilizar sobre o tema da violencia de xénero e a violencia intrafamiliar a través da potenciación de modelos igualitarios como base do desenvolvemento persoal e familiar, previndo comportamentos violentos como modo de interacción e relación familiar....

Cal é a nosa metodoloxía de traballo coas familias?

En función da problemática e ou demanda presentada, elabórase un plan de traballo que pode abordar tres niveis de intervención:

  • Individual
  • Familiar
  • Social

Básica e principalmente realízase unha Intervención Familiar Individualizada onde empregamos unha metodoloxía activa e participativa, na que cada familia é a protagonista. Levamos a cabo entrevistas persoais cun, varios ou todos os membros da familia, visitas e intervencións no propio domicilio para poder incidir directamente na propia dinámica familiar, contactos co centro escolar, centro de saúde... e calquera outro organismo que sexa considerado relevante, informando en todo momento á familia.

Acordamos un plan de traballo e unha posta en práctica do mesmo, cuns obxectivos previamente marcados, ata que a familia atopa os recursos necesarios para facer fronte á situación obxecto da demanda e da intervención, ou esta desaparece.

Establecemos seguimento da evolución familiar si este fora necesario.

Que ofrecemos?

  • Intervención individualizada con cada familia e/ou cada membro da unidade familiar.
  • Mediación familiar entre todos os membros en conflito, a parella, irmáns, familia extensa (avós, tíos, curmáns...), así como en caso de familias “reconstituídas” (aquelas que se forman de novo tras unha separación e/ou con fillos/as da relación anterior)
  • Orientación e asesoramento en temas legais a través do noso Servizo de Asesoramento Xurídico , atendido por un/unha avogado/a.
  • Establecemento de canles de comunicación e de coordinación entre o centro escolar, o centro de saúde, o calquera outro servizo e a familia.
  • Intervención ante situacións de malos tratos no ámbito familiar
  • Información, orientación e asesoramento ante calquera situación relacionada co eido familiar, escolar, menores, separacións...
  • Derivación a outros programas e/ou recursos supramunicipais:
  • Plan Galego de Inclusión
  • Unidad de Intervención, Investigación y Cuidado Familiar do Campus Universitario de Ferrol (Hospital Naval)
  • Unidade de Saúde Mental Infantoxuvenil: ASPANEPS
  • E calquera outro que sexa considerado necesario segundo a problemática detectada na familia ou a demanda desta.

Que familias poden ser beneficiarias deste programa?

Calquera familia de Fene que necesite algún tipo de apoio familiar, educativo ou psicolóxico, que advirta ou detecte algún problema ou dificultade na dinámica e/ou interacción familiar ou estea atravesando unha situación de crise.

Como se accede ao programa?

Pode ser a propia familia por demanda directa solicitando cita coa psicóloga no Centro Municipal de Servizos Sociais, que será quen valore e aborde a intervención.

Por derivación do equipo técnico, principalmente polas traballadoras sociais municipais a través do servizo de información, orientación e asesoramento, porta de entrada da cidadanía ao sistema de servizos sociais.

Por outras derivacións: centro escolar, centro de saúde, Fiscalía de Menores, servizo de menores da Xunta de Galicia...

É un servicio totalmente de balde que a Concellaría de Benestar Social e Igualdade que o Concello de Fene pon á túa disposición dende os Servizos Sociais Municipais.

Áreas