O Concello de Fene desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto o programa de conciliación "Un verán diferente II", que tivo aberto o prazo de preinscricións até o 4 de xuño. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas. Así, en colaboración co Mesón O Emigrante, desde principios de xullo e ata mediados de agosto poderemos gozar das augas de Almieiras navegando en caiac ou practicando paddle surf e durante os dous meses centrais do verán tamén teremos ximnasia de mantemento ao aire libre no paseo marítimo de San Valentín. Ademais, o Concello e o CMI Unidade de Fene tamén colaboran na organización do campamento lúdico e deportivo "Dálle ao play", que terá lugar nas instalacións da entidade na primeira quincena de agosto. Para anotarse nestas actividades -agás para a ximnasia, que non o require e será de balde- hai que solicitar cita previa desde este mércores 9 de xuño contactando co Departamento de Cultura e Deportes nos teléfonos 607 615 962 / 981 340 366.