Como cada 25 de Novembro o Concello de Fene alza a voz contra ese silencio. Sumamos a nosa palabra á de millóns de mulleres e homes que en todo o planeta din basta e reafirmamos ese compromiso tamén con feitos.
Non podemos resignarnos a que se asuma como normalidade a traxedia dolorosamente cotiá da violencia machista porque non é un destino escrito en pedra senón o resultado, tal e como sinala Nacións Unidas, “dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que persiste como unha crise silenciosa”.
A violencia machista segue forte na nosa sociedade, como mostra da vixencia do sistema patriarcal. Proba disto son, por exemplo, os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.
Ademais da preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de 2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.
Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, é necesario que as administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias.